Información xeral sobre o curso     


Temas de Literatura. 1º avaliacion

Temas de Literatura.  2º avaliación

Temas de Literatura. 3º avaliación 


PAU. Cuestións xerais sobre as probas

PAU. Algunhas pautas para preparardes as cuestións prácticas do exame

PAU. Estrutura da proba de Lingua e Literatura Galega

PAU. Taller de escritura




Guía de Bacharelato semipresencial  Literatura Galega do Século XX


Libros de lectura (arquivo pdf)




Todo é silencio Manuel Rivas

Todo é silencio
Manuel Rivas


Todo é silencio narra o irresistíbel ascenso social de Mariscal, un capo contrabandista, e das almas que habitan Noitía, o universo que domina ao seu antollo. En Noitía, na costa atlántica, houbo un tempo en que as redes do contrabando, reconvertidas ao narcotráfico, acadaron tanto poder que estiveron moi preto de controlar o poder social e as institucións. Todo é silencio narra tamén a vida dun grupo de amigos, aos que une dende a infancia o andar á crebas, á procura de restos de naufraxios, no escenario sempre sorprendente do mar de Galicia. Ese mar que fala cos signos que deita na beira. Dende moi pronto, o destino da xente nova estará determinado pola sombra odiosa e engaiolante a un tempo do omnipresente Mariscal. Unha novela, Todo é silencio, que relata como os círculos do crime rodean e corrompen, non sempre con éxito, o extraño feitizo da condición humana.

Aire negro. Agustín Fernández Paz


Aire negro

Agustín Fernández Paz

Novela con algo de medo? O doutor Moldes comeza a traballar na clínica Beira Verde do Baixo Miño, un bo centro psiquiátrico. Alí vai coñecer a unha paciente que lle vai cambiar a vida: Laura Novo. Ela está moi mal, incomunicada e con fortes tratamentos. Pero Moldes vai ir falando con ela, acompañándoa nos paseos e con moita paciencia vai conseguir que ela se vaia abrindo. Sobre todo que escriba sobre o grande problema que ten na súa cabeza e deixe de escribir obsesivamente unha soa frase.

Dos arquivos do trasno. Rafael Dieste


                                                                                                                 

Dos arquivos do trasno

Rafael Dieste

Vinte relatos nos que Dieste trata con modernidade a presenza do sobrenatural no mundo popular. "O conto é o remuíño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz". Esta é unha das sentenzas que no limiar do libro dá Dieste sobre a súa forma de entender o relato. E presenta a continuación contos breves, intensos, de linguaxe estilizada, nos que o sobrenatural e o misterioso se introducen na realidade. Un anticipo do realismo máxico situado nas vilas mariñeiras de Galicia. O neno suicida (o rapaz que nace ao revés, de vello para novo; atención ao final sorprendente), A morte de Bieito (o medo atávico a ser enterrado vivo, e se o Bieito vai vivo no cadaleito?), O vello que quería ver o tren (quen ten máis ilusión por ver o tren, o neno ou o avó?) ... son clásicos da nosa literatura.

Ollos de auga. Domingo Villar


Ollos de auga

Domingo Villlar

Novela negra, policíaca, ben escrita, con intriga e homenaxe a Vigo. Un dos libros en galego máis lidos nestes anos. Traducido con éxito e con proxecto de película.

Non hai noite tan longa. Agustín Fernández Paz

Non hai noite tan longa
Agustín Fernández Paz

Gabriel Lamas ten cincuenta anos e vive en París desde 1970. Aos dezaoito anos marchou de Monteverde, a súa vila natal, e nunca máis volveu. Nin sequera cando morreu o seu pai, inxustamente acusado dun delito polo que foi condenado e encarcerado, nun proceso que provocou a súa morte, en 1972. Só trinta e dous anos despois, o falecemento da súa nai é o que o forza a regresar. Entón, comprobará que nunca podemos fuxir do noso pasado e que as feridas mal curadas non deixan de supurar. O encontro coa ánima do seu pai, na desolada casa familiar cambiaralle a vida para sempre. En Non hai noite tan longa atopamos os ecos dos temas esenciais da literatura e das figuras dos personaxes clásicos, inseridos nunha narración de escrita transparente que flúe coma a auga. 

Os outros feirantes. Álvaro Cunqueiro



Os outros feirantes

Álvaro Cunqueiro

Unha nova ración de retratos para coñecer mellor o galego cotián, campesiño, coa súa forma de entender o mundo, as crenzas, os ritos, as supersticións. Semblanzas breves nas que non falta o humor e a ironía. O corvo Vicente, o paraugas marabilloso, o loro das Esmelgas... moitos personaxes e animais fantasiosos. O humor e a fantasía están presentes en todos estres breves relatos. A fantasía, a imaxinación sérvenlle ao ser humano para transformar a realidade vulgar e triste en algo marabilloso. Como o que tiña seis dedos e esta eiva a vai converter en algo extraordinario que o emparente con todo un senador dos EEEUU. Ou o que converte a falta dun ollo en todo un negocio.


O porco de pé 
Vicente Risco

A novela de Vicente Risco ambientada no Ourense de hai moitos anos. D. Celidonio, que ascendeu de porco a marrán e chegou a alcalde, a súa parente e demais familia. Era mancebo de don Baldomero García. Casará coa filla Nicasia.Deixarase tentar pola política e aprenderá que existen libros. Visitará Madrid coas forzas vivas de Ourense, e ata visitarán casas de mala fama. Hai longas e irónicas enumeracións da vida da cidade. Retrato irónico e mordaz da cidade das Burgas representada nunha interminábel procesión. O contrapunto do doutor Albeiros.


Pó de estrelas. Xurxo Mariño


Po de estrelas. Novas receitas científicas... ,


Xurxo Mariño Alfonso , CCG (descargar da rede )


Despois do éxito de Os dados do Reloxeiro, Xurxo Mariño publica este libro con novos artigos de divulgación científica escritos con humor e rigor científico. Van compañados do humor de Santy Gutiérrez. Cal é o invento máis importante dos últimos 2000 anos? A mente bilingüe. As distintas velocidades do tempo e do reloxo. Evolución fronte a creacionismo... e outros moitos temas. E ten a vantaxe de que pode descargarse da rede directamente
.

Os ollos de K. Antón Riveiro Coello





Os ollos de K

Antón Riveiro Coello

En Os ollos de K o máis interesante é a reflexión a que nos leva ao personaxe principal, escritor de certo nome que combina as súas novelas coa aparición diaria dun artigo nun xornal. Exceptuando o éxito que ten en forma pecuniaria coas súas novelas, o personaxe esta construído seguindo moitas das características do escritor galego. As súas preocupacións, vaidades, miserias e virtudes son propias da realidade de calquera escritor. Riveiro Coello constrúe un personaxe arquetípico esencialmente impecable e, a partir del, todo o xogo que virá polas súas andanzas ao longo da trama(s) policiaca da obra. (recollido da prensa)

O único que queda é o amor. Agustín Fernández Paz












O único que queda é o amor

Agustín Fernández Paz

Un libro de contos para ler, ben editado, bo papel, ilustracións de Pablo Auladell. Cada conto vai precedido dunha cita literaria Orhan Pamuk, Scott Hiks, joan Margarit, José Ángel Valente, A. Martínez Sarrión, Georges, Perec, Paul Auster, (ao final explicación das moitas citas empregadas nos relatos).Un radiante silencio: un misterio que hai que desentrañar e detrás do que está o amor. Amor de agosto: amor adolescente entre o mecánico guapo e a filla do dono nas festas de verán. Esta estraña lucidez: Ela e El son os protagonistas da historia amorosa ou é o can que todo o observa? Unha historia de fantasmas: conto do Camiño de Santiago. Etc.


Sempre en Galiza. 1º libro Castelao



Sempre en Galiza. 
1º libro
 

Castelao 

Libro de ensaio. A Biblia do galeguismo que todo galeguista debe coñecer. Comeza cun adro: está en Badaxoz e reflexiona (abril-outono de 1895).


As humanas proporcións Xesús Constenla



As humanas proporcións 
Xesús Constenla

Excelente libro de relatos que nos sorprenden sempre. O autor na Biblioteca do Sánchez: O título: durante séculos o home marcaba a marcha do mundo, todo estaba feito á súa medida, eran as humanas proporcións, o debuxo de Leonardo da Vinci. Pero hoxe xa non é así o home xa non o controla todo nin todo está á súa medida, ese mundo está en crise. Os relatos tentan mostrar ese mundo: as pateras, o droga, a violencia, o maltrato, o consumismo. Toda esa xente non ten o mundo á súa medida.


Merlín e familia Álvaro Cunqueiro



Merlín e familia 
Álvaro Cunqueiro
.
Un dos máis fermosos libros da nosa literatura, aínda que non é fácil de ler para moitos. Para ler aos poucos e saborendo a linguaxe. Cunqueito trae a terras de Miranda (Mondoñedo) o mago Merlín e un montón de figuras fantásticas. Felipe de Amancia, o seu paxe, é o encargado da narración, na que hai princesas, sereas, demos, trabes de ouro... Os quitasoles e o quitatevras, o camiño de quita e pon, a princesa que quería casar, o reloxo de area, a soldadura de pincesiña de prata, o espello do mouro, a trabe de ouro, a serea grega, a novela de Mosiu Tabarie... son algúns dos capítulos desta historia. Do mellor, as fermosas descricións de Miranda. E ao final un índice onomástico para non perderse. 

A esmorga E. Blanco Amor


A esmorga
E. Blanco Amor
Unha das novelas máis redondas da literatura galega. En Auria (Ourense) tres esmorgantes (Cibrán O Castizo, Xan O Bocas, Eladio O Milhomes) andan errantes durante 24 horas. A historia coñecémola a través da declaración de Cibran perante o xuíz (que non fala). Con esta técnica narrativa telefónica (só escoitamos un dos interlocutores) móstrase a xordeira da xustiza, a soidade do reo e evítase unha novela bilingüe. Os esmorgantes vagan por Ourense e os arredores. Entran por dúas veces na casa duns señores misteriosos, pasan unha tarde cun alambiqueiro, mesmo teñen tempo para ver os da adoración nocturna en Santa Eufemia. Coñecemos a Socorrito, o único personaxe entrañable da novela. Cómpre ler con atención a 1ª parte da novela -documentación- que semella ser un prólogo pero forma parte tamén da historia. E sempre o maldito tempo: a choiva e logo a xiada


O crepúsculo e as formigas X.L. Méndez Ferrín



O crepúsculo e as formigas
X.L. Méndez Ferrín
Comeza este libro de non moitas páxinas cun pequeno prólogo onde se pode ver a xustificación do título. Libro de contos breves pero duros, fortes, con moita intensidade: morte, violencia, tremendismo. En Os homes e a morte hai un roubo de rapaz. Dúas cartas a Lou: cóntalle os seus amores. O Suso, un dos mellores contos da nosa literatura. Manolito a que asiste? ao final do Suso, o xefe da panda de rapaces do Barbaña? ... Un chinche dorme no teito: chove chove na pensión e el cos seus pensamentos. A casa azul: Rosa que está amigada cun portugués. ...




O lapis do carpinteiro Manuel Rivas



O lapis do carpinteiro 
Manuel Rivas 
Unha das mellores novelas galegas ambientadas na Guerra Civil: un lapis de carpinteiro é o elo que une as historias dos condenados e e dun garda (Herbal) que os custodia. Fermosa historia de amor inspirada en personaxes reais e levada ao cine por Antón Reixa. Recolle a historia do doutor e da súa namorada. Como el é detido e logo ingresa na cadea, tempo que ocupa boa parte da novela. Alí coñeceremos unha morea de personaxes. Como o pintor que está a facer o Pórtico da Gloria da catedral. Un dos condenados é disminuído psíquico, é como un neno e nin por iso se vai salvar dos paseos nocturnos nos que os falanxistas acaban coa súa vida. Grande Historia de amor e de tempos de guerra a que Herbal lle vai contando a unha das mozas do club de alterne.

Comentario sempre debaixo

Ruído, relatos de guerra M.A Murado



Ruído, relatos de guerra 
M.A Murado 


Un libro sobre a guerra e os seus desastres, froito da estadía do autor na exIugoslavia en 1991 e 1994. Narra as súas vivencias persoais a través dos distintos protagonistas, que unhas veces saen ben parados das súas situacions de perigo como é o caso dos oito soldados en "en Mans de Deus", e outras acaban morrendo como é o caso do que é asasinado polo francotirador. Vemos o comportamento das persoas en situacións límites. Un libro moi ameno con historias curtas , entretidas, que manteñen a expectación ata o final.



A praia dos afogados. Domingo Villar



A praia dos afogados
Domingo Villar

Despois do éxito de Ollos de auga, Domingo Villar preséntanos A praida dos afogados, unha apaixonante novela de intriga que mergulla o lector no mundo da Galicia mariñeira, desde os areais das Rías Baixas á paisaxe urbana e as tabernas da cidade de Vigo.D omingo Villar volve introducir o lector nunha intriga sen acougo. Unha pescuda policial que, en A praia dos afogados, título desta segunda novela protagonizada polo inspector Leo Caldas, tamén é unha esculca na memoria e nas ilusións fanadas. A novela parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres pescaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime entre homes e mulleres que recean de desvelar as súas sospeitas e que, cando deciden falar, apuntan nunha dirección insólita de máis. Un caso difícil para Caldas... (Xornal.com)

MONDAY, SEPTEMBER 26, 2005

55 mentiras sobre a lingua galega

55 mentiras sobre a lingua galega

Esta publicación pretende ser un argumentario sinxelo e clarificador, ao tempo que sólido e rigoroso, que axude a sociedade galega a comprender e superar aquelas valoracións e interpretacións subxectivas, ideoloxizadas desde unha óptica exclusivamente partidista, erróneas ou perversas que perseguen o obxectivo de actuaren de freo ao camiño da necesaria reposición e normalización de usos para a lingua galega no seo da súa sociedade.

O club da calceta María Reimóndez

O club da calceta
María Reimóndez

Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Ferananda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista. A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, María Reimóndez dálles voz a estas mulleres que desde as súas diferenzas atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega e as minusvalora. Desde a intriga, cun estilo áxil, que tira do ánimo de quen le de xeito entretido e mesmo producindo hilaridade, a autora do Club da calceta ofrécenos unha novela que, tras a sorpresa que causa, fai emerxer unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina.